viernes, 10 de octubre de 2014

Reflexións sobre o marco conceptual da orientación laboral

Abordar o tema do marco conceptual da orientación laboral ou, por dicilo doutro modo, contextualizar e resaltar os aspectos básicos que nos permitan entender o labor da orientación no contexto do mercado laboral actual non é doado. 

En primeiro lugar, o feito de formar parte da Unión Europea fai que moitas das políticas activas de emprego (accións que van derivar nunha mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas, das persoas traballadoras ocupadas e no fomento do emprendemento e a iniciativa social) se teñan que concibir neste contexto, xa que en gran parte están subvencionadas por fondos europeos e existen unhas directrices que os Estados membros teñen que seguir. 

Por outra banda, debe de quedar claro que as competencias en materia de políticas activas de emprego foron traspasadas á nosa Comunidade Autónoma no 1997 sendo, na actualidade, o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) o encargado destes temas, mentres que as políticas pasivas (prestacións, subsidios…) seguen sendo xestionadas pola Administración Central. 

Aparte destas pequenas aclaracións conceptuais, hai outros termos que merecen de especial mención: dispoñibilidade, empregabilidade e ocupabilidade, xa que o labor da orientación se sustenta no traballo sobre os mesmos; entendendo a dispoñibilidade a nivel horario, xeográfico e funcional e a empregabilidade, determinada pola formación e a experiencia, así como polas competencias adquiridas na vida laboral, persoal ou social. 

Neste sentido, dende a orientación débese axudar a que a persoa reflexione sobre a súa situación e valore que aspectos debería e/ou podería cambiar (sempre tendo en conta as circunstancias particulares de cada quen) para incrementar as súas posibilidades de inserción. Ás veces, ampliar a zona de busca de emprego, outras veces pensar na posibilidade de cambiar de ocupación ou sector, realizar formación complementaria ou prácticas que lle permitan reorientar a carreira profesional… por poñer algúns exemplos. 

Finalmente, a ocupabilidade, é dicir a adecuación entre as competencias da persoa e os requerimentos do mercado de traballo, virá determinada pola dispoñibilidade e a empregabilidade. Pode haber unha persoa moi preparada academicamente, pero que nun contexto concreto non atope traballo debido á realidade do mercado laboral desa zona. 

Respecto do mercado de traballo, cabe resaltar as 2 teorías que nos poden axudar a entender como se move o pulso entre a oferta e a demanda (teoría clásica e keynesiana), conceptos básicos como a taxa de actividade, paro, oferta, demanda, etc. ,claves para comprender o seu funcionamento.

Igualmente importante será coñecer as políticas activas de emprego que se están a desenvolver, entre as que destacan: accións formativas da formación para o emprego (formación de oferta, formación de demanda, formación en alternancia co traballo e accións de apoio e acompañamento), programas integrados de emprego, programas de cooperación.. e todas aquelas iniciativas que axudan a mellorar a empregabilidade das persoas e a creación de empresas. 

Dentro do tema formativo hai que diferenciar as competencias da administración educativa (formación regrada) e da administración laboral (formación para o emprego) e as distintas opcións que se derivan de cada unha. En relación coa primeira destaca como novidade este ano a implantación da FP básica e a ampliación da oferta formativa da FP dual

En relación ás accións de formación para o emprego cabe sinalar os certificados de profesionalidade, como medio para acreditar a cualificación das persoas e aos que se pode acceder por varias vías, sendo unha delas a acreditación das competencias adquiridas por medio da experiencia e/ou de vías non formais de formación. Isto abre a posibilidade por exemplo, de que persoas con experiencia pero sen formación podan acreditar que dispoñen dos coñecementos, destrezas e habilidades necesarios para o desempeño dun posto de traballo ou unha ocupación, ou parte das competencias requeridas para a mesma. 

Trátase dun proceso que se convoca con carácter anual por parte da administración educativa e da administración laboral (2 convocatorias distintas) e que vai permitir, unha vez obtida a acreditación das unidades de competencia correspondentes, solicitar un certificado de profesionalidade (se se teñen acreditadas todas as unidades que o compoñen; se non, vanse acumulando UC) ou unha titulación de FP (realizando os módulos complementarios)

Respecto da iniciativa emprendedora, considero que é un aspecto clave para remontar a economía dun país e outra vía para insertarse laboralmente, pois case sempre pensamos no emprego por conta allea; con todo, non é tarefa doada, tanto por causa da situación actual como pola propia mentalidade da nosa sociedade, na que a cultura emprendedora está pouco desenvolvida.

Cada vez máis incídese na súa importancia, pero conseguir incentivar a creación de empresas require dun cambio na política económica do goberno e tamén dun cambio de mentalidade, que pasará indiscutiblemente por fomentar o emprendemento dende as escolas e dende a sociedade en xeral. 

Aínda que se están a dar pequenos pasos para fomentar a creación de empresas como a capitalización da prestación, a tarifa plana para autónomos, xornadas de motivación emprendedora, servizos de asesoramento para emprender, fomento do emprendemento nos colexios…, seguen quedando moitísimas trabas administrativas e falta de financiamento que fai que moitas ideas non se cheguen a materializar. 

A pesar de todo e sen restarlle importancia, non creo que sexa labor do servizo de orientación laboral asesorar en temas de emprendemento; evidentemente, hai que saber do tema para poder orientar á persoa que ten inquedanzas neste senso, animala e facilitarlle algunhas ferramentas, pero existen outras figuras especializadas na materia (AEDL, por exemplo) e que poden prestar un asesoramento máis individualizado e profesional. É certo que non en todos os Concellos contan con este persoal, pero si adoita haber servizos no entorno próximo, co cal considero que a información e a coordinación, máis que duplicar tarefas entre servizos, é a base para que todo o sistema funcione. 

Para finalizar, tampouco podemos esquecer a importancia das competencias dixitais na sociedade, algo que debemos desenvolver e que cada vez é máis necesario para o desempeño do noso labor en orientación (por exemplo, na procura de información ou no asesoramento sobre novas ferramentas de busca de emprego), pero tendo en conta que moitas veces por falta de tempo (existe a “axenda de orientación”) non se poden utilizar todos estes recursos ou que, polo perfil das persoas usuarias, tampouco serían os máis axeitados. 

Dende esta aproximación á orientación laboral pódese apreciar, aínda que falten por recoller moitos aspectos importantes, que o perfil da persoa que traballa nun servizo de orientación debe ser completo, pois esixe, ademais de amplos coñecementos que requiren dunha actualización constante, capacidade de aprendizaxe e adaptación, habilidades para a procura e curación de información, organización (a lista sería interminable)… ademais dunha actitude positiva, activa e, como comentaba unha compañeira nun post sobre o tema, comprometida coa sociedade e coas persoas que acoden ao servizo. 

Case nada!

No hay comentarios:

Publicar un comentario