lunes, 13 de octubre de 2014

"A ESTRUTURA DA FP E OS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE"

"A ESTRUTURA DA FP E OS CERTIFICADOS DE PROFESIONALIDADE"



Pese a que farían falta moitas páxinas para falar dun tema tan extenso como é o da Formación Profesional e as Cualificacións tentaremos incidir sobre os aspectos que consideramos máis importantes.

Un feito clave para o desenvolvemento da FP en España foi a promulgación da Lei 5/2002 de 19 de xuño, das Cualificacións e a FP, a partir da cal se empeza a dar forma a un novo sistema  que busca a adecuación ao contexto socioeconómico e ás necesidades do mercado de traballo, á vez que favorece a formación ao longo da vida.

Así pois, a FORMACIÓN PROFESIONAL está integrada por 2 subsistemas: A FP INICIAL, que depende da Administración educativa, e a FP PARA O EMPREGO, que depende da Administración laboral.



Con todo, tanto os Títulos de FP como os Certificados de Profesionalidade parten da mesma fonte: as cualificacións, en base ás cales se artella todo o sistema.

Pero, que é unha CUALIFICACIÓN profesional e que sentido ten?

É un estándar oficial que recolle o conxunto de COMPETENCIAS (capacidades, habilidades e actitudes necesarias para dar unha resposta correcta en cada contexto, sexa laboral ou cotiá) requiridas para o correcto desempeño dun posto de traballo ou ocupación e que poden ser adquiridas por medio da formación ou da experiencia. Está integrada polo “saber” (coñecementos), “saber facer” (habilidades), “saber ser” e “saber estar” (actitudes).

Para comprender a estrutura da FP temos que tomar como referencia dous instrumentos clave: O CATÁLOGO NACIONAL DE CUALIFICACIÓNS PROFESIONAIS E O CATÁLOGO MODULAR DE FORMACIÓN, xa que estes  constitúen a referencia e punto de partida para a elaboración dos títulos de Formación Profesional e os Certificados de Profesionalidade expedidos polas administracións educativa e laboral, respectivamente.

O CNCP é concibido como un elemento dinámico, que estrutura as cualificacións partindo das necesidades do mercado de traballo e permite a adaptación continua da oferta formativa da FP a unha realidade cambiante como o é o sistema produtivo.

As cualificacións están organizadas en FAMILIAS PROFESIONAIS en función de criterios sectoriais e funcionais e en áreas que inclúen ámbitos profesionais e de actividade económica afíns. Á súa vez, existen 5 NIVEIS DE CUALIFICACIÓN, que dependen da competencia profesional requirida e que varía segundo o grao de  coñecementos, iniciativa, autonomía, e complexidade da actividade a desenvolver.

As cualificacións profesionais organízanse en UNIDADES DE COMPETENCIA (UC), que constitúen o agregado mínimo de competencias profesionais susceptible de recoñecemento e acreditación parcial. A formación asociada ás mesmas está integrada por MÓDULOS FORMATIVOS.

Tendo en conta o comentado ata o momento queda clara a necesidade de interrelación entre a administración laboral e a educativa, xa que é o único xeito de que a educación se desenvolva segundo as esixencias do mercado de traballo.
De todos modos, dado o carácter complexo da formación profesional, a interrelación entre os subsistemas non sempre foi do máis acertada.

No ámbito educativo, o vaivén de leis promulgadas nos últimos anos tampouco contribúe a estabilizar o panorama, aínda que todas traten de resolver os mesmos problemas: elevadas taxas de abandono escolar, atender ás esixencias do novo espazo educativo europeo, desenvolver a competencia xeral correspondente á cualificación ou cualificacións obxecto dos estudos realizados, comprender a organización e as características do sector produtivo, os mecanismo de inserción profesional, desenvolver unha identidade profesional motivadora de futuros aprendizaxes e adaptacións ó cambio social e económico.

Na actualidade podemos sinalar dous cambios importantes: a implantación da FP BÁSICA e a ampliación da oferta de Formación Dual.

Aínda que vén sendo unha nova versión dos PCPI (e dos antigos PGS) pódese destacar o feito de que o título de FP básica dará acceso directo a ciclos de Grao Medio, terá os mesmos efectos laborais que o título da ESO e proporcionará unha cualificación profesional de nivel 1. Con todo, trátase dunha medida exclusiva para persoas que estaban dentro do sistema educativo e que foi posta en marcha de xeito apresurado (Cabe destacar que a oferta de FP básica saíu publicada a mediados de agosto de 2014 para iniciarse no curso 2014-2015)

Pola súa parte a FORMACION DUAL, pretende a formación en alternancia de actividade laboral nunha empresa con actividade formativa e a formación recibida no marco do sistema educativo ou da FP para o emprego. Isto dá a oportunidade de adquirir experiencia á vez que formación, a través dun contrato de formación e aprendizaxe ou dunha bolsa, feito que pode motivar ao alumnado á vez que podería proveer ás empresas de persoal cualificado e adaptado ás necesidades particulares de cada sector en cada momento.


Dentro da FP para o emprego hai que facer unha mención especial aos certificados de profesionalidade:

Segundo o RD 34/2008 modificado polo RD 1675/2010 o CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE é unha acreditación oficial das cualificacións profesionais do catálogo, con independencia de como se teñan adquirido: a través da vía formativa, do recoñecemento da experiencia profesional e aprendizaxes non formais, ou ben, pola vía mixta.

O  seu obxectivo é impulsar entre as persoas traballadoras, tanto ocupadas como desempregadas, unha formación que contribúa á actualización permanente das competencias e cualificacións profesionais ao longo de toda a vida, conxugando as necesidades de persoas traballadoras, empresas e sectores produtivos.

Neste sentido temos que referirnos ao PROCESO DE ACREDITACIÓN DAS COMPETENCIAS ADQUIRIDAS POR MEDIO DA EXPERIENCIA LABORAL E VÍAS NON FORMAIS DE FORMACIÓN, xa que abre a posibilidade de que persoas que no seu momento non puideron acceder polas circunstancias que foran, a unha formación axeitada, poidan acreditar as competencias que posúen.


Este procedemento, convocado de forma anual polas administracións educativa e laboral, permite que as persoas con experiencia e sen titulación, pero que posúen as competencias profesionais requiridas para o desempeño dunha ocupación ou posto de traballo podan acreditar as unidades de competencia que logo lles van permitir acceder a un certificado de profesionalidade ou a un título de FP (neste caso, realizando formación complementaria).
Neste sentido a misión do persoal orientador será de gran importancia, xa que a información non chega do mesmo xeito a todas as persoas e moitas delas necesitan dun asesoramento exhaustivo, aínda para os trámites máis básicos. O proceso non é sinxelo. 


Outro aspecto a destacar dentro da FP para o emprego é o da FORMACIÓN EN ALTERNANCIA CO EMPREGO, onde se inclúen as Escolas Taller, Casas de Oficio e Talleres de Emprego, por ser outro modo de mellorar a empregabilidade de persoas desempregadas, e con resultados, en moitos casos, satisfactorios.

Con todo, resulta cando menos curioso que despois da longa crise económica que padecemos, moitas das especialidades formativas impartidas, por exemplo, nos Talleres de Emprego, correspondan a cualificacións cun baixo nivel de inserción laboral (ex: albanelaría, carpintaría, etc.)
Por que a Administración subvenciona programas baseándose na Estratexia Europea 2020 e demais normativa de aplicación española, para unha mellor inserción laboral de persoas desempregadas, formándoos precisamente en ocupacións que presentan unha alta taxa de paro e sen moito futuro por diante?

En moitas ocasións o que falla non é a idea de fondo, senón a súa aplicación práctica.


LINO IT 12/09/2014
                             


                                                                O NOSO STORIFY 

                                    https://storify.com/lolifontenla/certificados-de-profesionalidad 




Juan Mario Araujo Vilar
Miguel Ángel Fernandéz Gómez
María Dolores Fontenla Redondo
Alejandra Mourelos Palacios
Carolina Pampín Pérez

No hay comentarios:

Publicar un comentario