viernes, 17 de octubre de 2014

REFLEXIÓN MÓDULO 2



A fin de semana do 9 o 10 de outubro contamos coa colaboración de Fernando Aguilar- Galindo Ávila para a exposición dos temas: Desenvolvemento de competencias comunicativas e habilidades e competencias sociais.

Fernando é licenciado en Psicoloxía Clínica e, actualmente, director de Benandier Consultores, que se encarga do asesoramento e consultoría nas áreas de Recursos Humanos, informática, marketing, producción e dirección comercial. Especialista en Liderazgo, coaching e competencias directivas.

A primeira ponencia, correspondente o venres 9, falaba das competencias comunicativas.

Fernando comezou falando da linguaxe reactiva frente a proactiva, non poder frente a poder. Con optimismo e alegría, ao longo da sesión foi explicando todo o proceso comunicativo, mesturándoo con historias, fábulas, contos e vídeos. Falou da gran importancia da comunicación non verbal que moitas veces é primordial á hora de entender a mensaxe nunha comunicación interpersoal. 
Non é doado establecer unha relación interpersoal cando están en xogo cuestións tan importantes como o posto de traballo que, como sabemos, constitúe o eixe arredor do cal xira a vida das persoas e en torno ao que organizamos o noso día a día; non pode ser doutro xeito, procúranos o sustento. É un asunto, pois, "sensible" e o proceso da comunicación adquire tanta importancia como, por exemplo, na relación médico-paciente onde a saúde, asunto igualmente sensible, é, neste caso, a cuestión vital, e nunca mellor dito.  

Sería aceptable unha comunicación médico-paciente onde non se establecese un nivel de plena confianza? Sería aceptable unha comunicación defectuosa que non permitise ao médico concibir un diagnóstico atinado ou ben ao paciente coñecer a súa situación real respecto á súa enfermidade?

Pois de igual forma a comunicación coas persoas que acoden aos servizos de orientación laboral debe permitir alcanzar o coñecemento real da situación no seu sentido máis amplo, tendo en conta a situación persoal, familiar, económica, as súas competencias profesionais, as súas posibilidades formativas, as súas aspiracións, as súas inquietudes, os seus medos, as súas posibilidades reais de actuación en relación con factores limitantes como o son o ámbito familiar e xeográfico, e todo iso, por suposto, para permitirnos optimizar todas as súas posibilidades. É, sen lugar a dúbidas, unha tarefa delicada e non obstante entramos "a saco" na vida das persoas poñendo a nosa lupa sobre descoñecidos, como nós o somos para eles pretendendo axudar.

A comunicación, elemento de relación entre nós e os demais ten, sen dúbida, un papel crucial e se non o entendemos así e nos enfrontamos ao noso traballo de xeito mecánico, pensando que a mente da persoa é unha táboa rasa, estamos abocados ao fracaso.

A continuación, Fernando relatounos as diferentes vías de comunicación, subxectiva, afectiva, obxectiva e egocéntrica. A importancia das actitudes que temos á hora de escoitar o outro así como o feedback, elementos importantes á hora de realizar unha boa comunicación. Un pouco relacionado co tema do feedback fixemos un exercicio para ser conscientes do que nos preocupa, o que pensan de nos os demais e en que medida nos atrevemos a ser sinceros cos outros.

A sesión dese día rematou cun momento de relaxación, pero antes explicounos a xanela de Johari, na cal temos 4 áreas distinguidas: á área libre, coñecida por todos; á área cega, que corresponde á parte do noso eu que descoñecemos pero que coñece o resto; a área oculta, que son os nosos segredos que só coñecemos nós e, por último, á área descoñecida, que sería o equivalente ao inconsciente: todo aquilo que nin coñecen os demais nin nós mesmos.

Resumindo, temos que responsabilizarnos dos resultados da comunicación, non cinguirnos a ser transmisores de información senón asegurarnos que a mensaxe foi comprendida polo interlocutor e que esta ten uns efectos; é dicir, provoca cambios, concibindo a comunicación como un proceso interactivo onde se estableza unha retroalimentación entre emisor e receptor.

O que está claro é que “Non podemos non comunicar” e que o que comunicamos ten uns efectos sobre as outras persoas, queiramos ou non.

Para rematar, dicir que foi unha das sesións máis amenas do curso, por non dicir a que máis. Si que ás veces parecía como se estiveramos lendo unha novela de Paulo Coelho e quizais isto non fose de bo gusto para todos. Sen embargo, e a pesar de que poida que ás veces se excedera co optimismo, xa que hai moitas situacións, e máis agora, nas que resulta difícil estar co sorriso na cara, quedamos coa importancia que Fernando lle deu á nosa propia felicidade e á comunicación.


A segunda ponencia correspondente ao sábado 10, fai alusión ao tema das habilidades e competencias sociais. 

Primeiramente, resaltar como idea principal que debemos ser conscientes do que queremos e para iso é fundamental coñecernos a nós mesmos; o autocoñecemento.

En relación a este tema explicounos que moitas veces pasamos a vida intentando facer o que nos piden os demais, sen pararnos a pensar se iso é o que nós realmente queremos.

A modo ilustrativo amosounos un vídeo moi tenro dunha nena que só quería bailar mentres que o pai lle dicía que debía labrarse un futuro e estudar para así o día de mañá ter moitos cartos.

É iso o que realmente queremos? Temos que traballar en algo ou facer cousas que non nos gustan simplemente porque é o que se espera de nós, porque é o que a sociedade valora? Neste senso, os nenos téñeno moito máis claro.

Abordouse tamén a importancia das emocións e dos estados de ánimo, así como de saber diferenciar entre ambos.

No traballo de orientación laboral é fundamental establecer unha relación distendida e de confianza que nos permita abordar a problemática laboral obxectivo último da entrevista, e esta confianza xérase cando a nosa actitude é de respecto e consideración cara ao interlocutor, mostrando comprensión polas súas formulacións (escoita activa, reformulación, etc.) e poñéndonos no seu lugar; é dicir, cunha actitude empática.

Iso non debe implicar necesariamente a aceptación das formulacións presentadas. Será nun segundo paso onde expoñeremos as nosas ideas intentando evitar a confrontación pero, en ningún caso, renunciando a elas. Este comportamento nas relacións humanas, o comportamento asertivo, resulta beneficioso en todas as ordes da vida e o é tanto para o grupo como para o propio individuo; para o grupo porque propicia o seu enriquecemento xa que, o individuo, ao autoafirmarse e levar a cabo as súas condutas ou expoñer sen complexos o seu pensamento pode achegar solucións a unha problemática dada resultando enriquecedora en calquera contexto laboral; e para o propio individuo xa que consecuentemente aumenta a súa autoestima ao ser tidas en conta as súas propostas.

Outro aspecto interesante do relatorio, xa que cobra especial significado no noso quefacer como orientadores/as laborais, é a figura do líder, fundamentalmente o líder motivador. É "inevitable" que como orientadores laborais asumamos ese papel co fin de que sirva de catapulta para que as persoas se mobilicen e abandonen a súa posición de "confort" entendida esta non como unha postura buscada conscientemente senón como resultado da inercia da súa propia situación persoal e da perspectiva dun mercado laboral do que nada esperan.

Todo isto está moi ligado a un tema hoxe en día moi de moda: o “coaching”.
Por suposto, o ideal sería que o persoal de orientación actuase a modo de “coach” coas persoas que acoden en busca de orientación. Como ese líder motivador que acompaña no seu camiño de autocoñecemento persoal, axudándolle a que se faga as preguntas necesarias para atopar as respostas que lle leven a conseguir os seus obxectivos; non só no terreo profesional senón tamén no persoal. 

Pero, tal e como están estruturados os servizos de orientación e coa cantidade de persoas que hai que atender unha atención tan personalizada é practicamente imposible, porque, moitas veces, o que contan son os números. Quizais sería interesante explorar outras alternativas e poñer en marcha iniciativas como as lanzadeiras de emprego, para complementar o labor dos servizos de orientación.

Finalmente, a sesión rematou algo as présas xa que Fernando parábase moito á hora de explicar as cousas coa axuda de exemplos, cousa que agradecemos moito, xa que moitos docentes as veces esquecen a importancia de ir un pouco máis aló da teoría.

Con todo, e pese a ser un bo contador de historias, houbo quen botou en falta unhas nocións máis prácticas sobre tema ; a “chicha”, da que poder extraer uns cantos consellos prácticos para mellorar as nosas habilidades comunicativas e, con iso, o noso labor como orientadores/as.

Como colofón só nos queda dicir:
“Non te conformes con reaccionar: RESPONDE!!” “Non deixes que nada nin ninguén decida por ti ata onde podes chegar no teu proceso de cambio persoal”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario