domingo, 30 de noviembre de 2014

REFLEXIÓN INDIVIDUAL MÓDULO III

Despois de facer un percorrido polo marco teórico da orientación laboral e o marco persoal ou competencial chega o momento de adentrarnos no marco instrumental; é dicir, as ferramentas e procesos inherentes ao traballo de orientación.


Aínda que existen distintos modelos de intervención e formas de proceder no campo da orientación laboral que nos poden servir como guía ou referencia á hora de traballar, deben concibirse non como unha estrutura ríxida, senón como un marco flexible que permita adaptalo en función do perfil da persoa, dos obxectivos que se pretendan conseguir e das circunstancias do momento. Con todo, existen varios principios básicos en todo proceso de orientación: a orientación debe entenderse como un proceso continuo, que abarca toda a vida da persoa, que parte da atención individualizada e se centra nos recursos da mesma, para convertela nun axente activo no seu cambio.

Neste proceso, a entrevista individualizada convértese na técnica básica de intervención.

A través dela inténtase recadar a máxima información posible sobre a persoa e o seu contorno, sobre todo no relativo á: situación actual, familiar, persoal e profesional, o obxectivo/s profesionais (a curto, medio e longo prazo), as actitudes e dispoñibilidade (horaria, xeográfica e funcional), así como as competencias e recursos da persoa, co fin de poder realizar un diagnóstico sobre o cal artellar a intervención posterior. 

As principais áreas sobre as que enfocarse son: información, planificación, desenvolvemento de habilidades e motivación.

Dentro das habilidades a desenvolver o coñecemento de como funcionan os procesos de selección e especialmente a dinámica das entrevistas de traballo convértese nunha necesidade recorrente entre as persoas que acceden aos servizos de orientación. Dentro destas, cada vez é máis necesario preparar as entrevistas de selección por competencias, xa que o enfoque das mesmas pode axudar a que a persoa “venda” mellor os seus coñecementos, habilidades e actitudes.

Calquera podería relatar un sinfín de competencias que sabe que son valoradas polas empresas (capacidade de traballo en equipo, iniciativa, empatía…bla bla bla); pero non todo o mundo é capaz de convencer de que realmente as posúe. Por iso, aínda que as preguntas non sexan as típicas dunha entrevista por competencias pódense reconducir as respostas apoiándoas con exemplos de anteriores traballos, estudos ou mesmo da vida diaria nos que esas competencias se poñan en xogo. Iso axudará a marcar a difererenza e achegar credibilidade ao discurso.

Dentro da metodoloxía de traballo, os itinerarios personalizados de inserción son unha opción para acceder a un proceso de orientación máis completo e sistematizado, no que se establece unha planificación consensuada entre a persoa orientada e o/a orientador/a.

Outra forma complementaria de intervención son as accións grupais relacionadas co desenvolvemento de recursos persoais ou con técnicas de busca activa de emprego.

Con todo, hai colectivos denominados “vulnerables” no sentido de que teñen máis dificultades para o acceso ao emprego, para os que é necesario artellar medidas específicas que axuden a contrarrestar esta desvantaxe.

Neste sentido, os servizos de orientación laboral enfocados a persoas con discapacidade realizan tamén labores de intermediación no mercado de traballo, contactando coas empresas para desterrar estereotipos e informar dos beneficios de contratar a persoas con discapacidade. Igualmente, proporcionan acceso a formación que axuda a mellorar o nivel de cualificación destas persoas.

É importante que dende os servizos de orientación laboral se coñezan os distintos recursos existentes no contorno para poder informar e derivar usuarios en caso necesario. En relación a este tema sorprende a cantidade de persoas cunha discapacidade recoñecida que descoñece os servizos específicos de orientación e intermediación.

No referente aos itinerarios de inserción, pese a ser unha metodoloxía que empezou a utilizarse na atención de colectivos en risco de exclusión, na actualidade considérase que o seu uso debe facerse extensivo a toda a poboación e é un dos servizos que se pode prestar dende os servizos de orientación laboral. 

Un IPI, ou itinerario personalizado de inserción é “un conxunto de accións que se organizan nun proceso personalizado e lóxico que ten como obxectivos a inserción sociolaboral e o desenvolvemento profesional dos usuarios e usuarias que participan no mesmo, especialmente a través da información e o asesoramento individual e grupal e coa participación doutras áreas do campo da inserción sociolaboral”.

Componse de 3 fases que forman parte dun proceso no cal será básico establecer un clima de confianza entre orientador/a e orientado/a: diagnóstico personalizado, intervención orientadora (establécese un plan de acción ou compromiso de actividade) e avaliación continua e acompañamento durante todo o proceso.

Con todo, a realización dun itinerario con cada usuario é totalmente inviable pola falta de tempo e recursos, polo cal se fai necesario seleccionar ás persoas que van participar no mesmo. Isto resulta moitas veces complicado, aínda que como referente poden tomarse: as especiais dificultades de inserción da persoa, ás veces por pertencer a colectivos en risco de exclusión, o tempo en desemprego, a situación socio-familiar, a formación, a idade… pero tamén, fundamentalmente, a súa motivación para iniciar e completar un itinerario.

O tema da prospección é de gran interese, sobre todo porque permite chegar un pouco máis aló do proceso orientador, para coñecer as necesidades das empresas, os perfiles que demandan e intentar conseguir a implicación das mesmas co fin de mellorar as posibilidades de inserción das persoas que atendemos.

Por iso é de valorar que nas últimas ordes de convocatoria das subvencións relacionadas coa orientación laboral se contemple a figura do/a prospector/a de emprego como outro persoal técnico que desempeñaría funcións complementarias ás do/a orientador/a laboral.

Respecto do plan de empresa, só resaltar que é un documento de gran axuda para aquelas persoas que opten polo autoemprego como forma de inserción laboral.

Trátase dun documento onde se define a idea de empresa e todos os aspectos relativos á súa posta en marcha e funcionamento; sería como a folla de ruta a seguir nesa viaxe, na que se terán en conta todos os condicionantes que rodeen á mesma para intentar que todo funcione correctamente e se consiga chegar á meta. Ademais,un plan de empresa ben elaborado serve a modo de carta de presentación da empresa cara o exterior e como vía para conseguir financiamento.

Aínda que é interesante saber que é, considero que o máis importante será coñecer que recursos especializados existen na zona para o asesoramento en temas de autoemprego, así como os lugares (físicos ou en Internet) para buscar información ao respecto.




No hay comentarios:

Publicar un comentario