domingo, 2 de noviembre de 2014

O MEU PLE

O PLE (Personal Learning Enviroment ) ou Entorno Persoal de Aprendizaxe é o conxunto de ferramentas, fontes de información, conexión e actividades que utilizamos de forma habitual para aprender, ben sexa a través da educación formal, ben a través da non formal ou informal, feito favorecido polo auxe das novas tecnoloxías.

Entre as miñas fontes e ferramentas de procura de información e aprendizaxe está, como non, “San Google”, o buscador no que podes atopar de todo, utilizando, iso si, as ferramentas apropiadas. Youtube, onde busco vídeos de interese para o meu campo profesional ou Pinterest, que ofrece a posibilidade de buscar e coleccionar infografías variadas sobre calquera tema. O ano pasado descubrín as charlas TED, un interesante recursos que dende entón forma parte da miña aprendizaxe, sobre todo no relativo ao tema do coaching.



Con todo, as ferramentas clásicas como os libros, revistas, prensa… non deixan de estar presentes no meu día a día, así como a gran fonte de aprendizaxe que supoñen para min as persoas que atendo no servizo de orientación, as miñas compañeiras e compañeiros e as persoas en xeral. 

Tamén a asistencia a cursos, xornadas, seminarios… forman parte do meu PLE, tanto os que se imparten na modalidade presencial, como, cada vez máis, a distancia ou fundamentalmente, a través da teleformación. Neste sentido destacan os MOOCs: cursos on line masivos en aberto e gratuítos que ofrecen distintas entidades entre as que se encontran Universidades españolas e estranxeiras.

Con tantas fontes de información e aprendizaxe, hai veces en que é complicado non sentirse desbordada, polo cal recentemente descubrín dúas novas ferramentas que incorporar ao meu contorno de aprendizaxe: os lectores RSS e o Feedly, como ferramenta para a curación de contidos. Os favoritos de toda a vida tamén axudan a organizar e seleccionar a información importante, xunto con ferramentas máis actuais como o Diigo, cuxa funcionalidade máis importante é a de permitir o acceso aos mesmos dende calquera lugar.

O Dropbox constitúe un bo lugar para o almacenamento na nube, xunto co Drive, dende o cal se poden elaborar documentos compartidos. 

Como medios para a comunicación cos meus usuarios e outras persoas utilizo ferramentas clásicas como o correo electrónico, pero que no meu caso son de grande utilidade (listas de distribución), e outras como Messenger ou Whatsapp, que permiten unha comunicación máis instantánea.

Facebook tamén constitúe un bo recurso para o meu traballo diario, que utilizo ademais de como rede social, na súa vertente de fonte de información, a través de grupos relacionados con emprego, orientación ou formación.

Con respecto ao Twitter, aínda son novata, pero empezo a ver a súa utilidade para organizar listas de persoas interesantes ás que seguir ou entidades que traballan no eido da orientación.

Finalmente, o blog que comparto coas miñas e meus compañeiros do curso de posgrao constitúe un vehículo para a difusión dos artigos que elaboramos en relación a cada un dos temas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario