martes, 25 de noviembre de 2014

O MEU PLE



Para a formación continua e en xeral para o progreso en calquera actividade profesional é fundamental construír un ámbito de aprendizaxe que nos dea autonomía á hora de adquirir coñecementos á vez que nos permite establecer relacións profesionais. Creo que unha das grandes vantaxes (entre outras moitas) das ferramentas dixitais da web 2.0 é a autonomía e independencia que nos ofrece á hora de formarnos como profesionais. O proceso de aprendizaxe "á carta", o proceso de formación que eliximos nós mesmos non é nada doado porque supón un maior esforzo xa que nós nos convertemos en directores do noso propio proceso de aprendizaxe pero a cambio as contrapartidas son enormes.

Crear o noso PLE, ser directores do noso proceso formativo elixindo as fontes de información, as ferramentas de filtrado e curación de contidos, os espazos de reflexión e os ámbitos de relación profesional multiplican as posibilidades de coñecemento e tal vez sexa xa o único modo de manternos actualizados e conectados no noso ámbito profesional xa que temos ferramentas que nos permiten manexar de xeito máis correcto a información e o coñecemento, non temos por que temer ao exceso de información xa que sabemos manexala.

Os espazos de reflexión e de relación profesional permítennos promovernos ao divulgar o noso traballo, creamos e ofrecemos o creado á vez que nos enriquecemos cando recibimos e ademais o facemos de forma selectiva; non nos serve todo nin todos.

Oímos en innumerables ocasións que a información é poder; sen saber non podemos facer, ou mellor dito non podemos "facer ben", é dicir, facer as cousas que nos permitan mellorar e non só a nivel profesional aínda que sexa este asunto o que nos ocupa. Agora, nunha segunda etapa, non soamente temos a información senón que temos o coñecemento, ben porque o elaboramos construíndo os nosos propios artefactos dixitais que damos a coñecer ou porque “nolo elaboraron" e nos servimos do traballo doutros porque nos inspiran credibilidade derivada dunha traxectoria profesional contrastada, da reputación dixital. Eliximos as fontes de información, os mecanismos para o seu procesado a través das ferramentas que consideramos convenientes e eliximos aos nosos formadores á vez que actuamos como tales ao crear coñecemento.

Antes dicía que crear o noso PLE, servirnos das ferramentas dixitais que nos proporciona internet para progresar no noso proceso formativo, era máis complicado fronte a un proceso formativo "clásico" cos nosos profesores, academias, titores, bibliotecas, etc. xa que leva consigo un grande esforzo e unha dose non menos grande de criterio. Evidentemente "facérnolo todo” é máis complicado e por razóns obvias necesitamos criterio xa que sen el perdemos eficiencia e hoxe máis que nunca temos que optimizar o noso tempo porque hai moito máis que saber e, por desgracia, moitos máis contra quen competir, é o tempo que nos tocou vivir pero, como dicía, é moito máis suxestivo xa que nos abre moitas máis posibilidades.

A información e o coñecemento foron sempre obxecto de monopolio. A información (por suposto) e tamén o coñecemento foron ideoloxizados, instrumentalizados, é o principal elemento para manexar ás masas e por iso non é estraño asistir a disputas políticas en todo o relativo aos sistemas educativos porque non se trata só de preparar o capital humano das sociedades para dirixilo ao sistema produtivo senón que tamén o que se pretende é "formatealo”. As TICS ofrécennos a posibilidade de actuar con maior liberdade na construción do noso itinerario formativo e á vez permítennos actuar como libre pensadores na seguridade de que eliximos as fontes de información máis fiables, moitas de primeira man, sen intermediarios que as adulteren, que contrastamos a nosa creación coa doutros profesionais, os máis destacados, e como consecuencia diso ofrecemos un resultado "orixinal" que achega valor. Para conseguilo non queda outra que adestrarnos nas ferramentas dixitais que iremos engadindo ao longo da nosa traxectoria profesional; niso estamos.





No hay comentarios:

Publicar un comentario